Todos estamos baixo a influenza das variadas relaciois de poder, sexan políticas, económicas, culturais, relixiosas, etc. Por suposto, as linguas, coma principal medio de comunicación humana, non quedan fóra do influxo dos diversos poderes. Podemos ter unha lingua materna mais podes verte obrigado a non falala por presiois foráneas. Os bercianos galegofalantes tiveron que falar castelao para comunicarse cos novos oficiais da Coroa, chegados de Castela, a fines do século XV trala derrota do conde de Lemos. Hoxe hai que saber o idioma inglés para ter aceso á información internacional, ou a meirande parte de internet. Podemos dicir que hai unha xerarquización lingüística a nivel mundial segundo o número de falantes, casos do inglés, chines, indi, español, etc.
As grandes maiorías lingüísticas fixan as condiciois de comunicación, e as minorías culturais teñen grandes dificultades para existiren cando non se recoñecen os seus dereitos lingüísticos. Este é o caso do galego do Bierzo. Resulta que uns políticos que gobernan dende Valladolid condicionan a existencia dos galegofalantes do Bierzo. Por suposto aqueles non recoñecen os nosos dereitos lingüísticos na Comunidade autónoma de Castela e León. Isto é unha ultraxe porque os cidadaos de Galicia sí teñen dereitos bilingües, mentres que os bercianos que falamos o mesmo galego, non. Para fundamentar esta diferenza de trato, os políticos de Castela fixaron unha fronteira artificial, no porto de Pedrafita do Cebreiro, que afasta unha mesma comunidade lingüística histórica.
En que cabeza cabe que o noso galego, que ten recoñecemento expreso no Estatuto de Castela e León (art. 5.3), siga sen falantes con dereitos lingüísticos, individuais e coletivos. Si, podemos estudar galego no Bierzo nos centros escolares, agora ben, que pasa co uso administrativo no Consello comarcal, concellos e pedanías. Por suposto, non se pode utilizar o galego nas Cortes autonómicas, nin na Deputación de León, nin no campus universitario de Ponferrada. Eiquí hai muitos vetos ao galego do Bierzo. Xa se sabe, a mayoría política castelá manda e pasa da defensa e fomento do galego. O contido da Carta europea de linguas rexionais e minoritarias é incumprido, ano tras ano, polos políticos castelaos.
Pola outra banda, recordamos cando o leonesismo ataca calquera iniciativa berciana a prol do galego (ensino, bilingüismo, rotulación toponímica, etc). O relato político leonesista non para de acusar de invasión galeguista, imposición normativa, destrución das falas leonesas, etc. Curioso que muitos leoneses que atacan o galego, non falan para nada o leonés, trátase máis ben de defender a unidade territorial da súa provincia que consideran ameazada polos chamados foráneos galeguistas. Por suposto, nesta división das minorías veciñas sae beneficiada a maioría castelá que pasa da resolución desta problemática lingüística. Así non hai interese político de aprobar nas Cortes rexionais a necesaria Lei de linguas de Castela e León.
Ademais de políticos e leonesistas antigalegos existen inteletuais que se resisten á promoción do galego do Bierzo. Este é o caso de certos investigadores que pescudan nas culturas rurais. Sabemos dos estudos da etnógrafa Concha Casado sobre a Cabreira e o filólogo Valentín García Yebra sobre Ancares. Pois ben, eses persoeiros non querían que se alterase o seu obxeto de estudo, as falas locais. Polo tanto vían un perigo os intentos de normalizar e normativizar as linguas rexionais, por iso provocan esas forzadas divisiois locais en falas, variantes, dialetos, etc.
Os galegofalantes do Bierzo temos que luitar acotío contra dos que din que eiquí non hai unidade. Todo é valido para dividir, por iso existe o seu dialeto berciano, tamén ese galegoleonés, ademáis dos valegos (ancarés, fornelo e cabreirés), e incluso as falas máis locais, bañes (A Baña) e torenés. E para outros, todo está tan mesturado sen xeito que hai que denominalo chapurreao e punto final. Ante estes intentos de confusión xeral, hai que engadir a concienciación lingüística fundamental. Os galegofalantes sabemos ben o que dicimos, o idioma galego. Que somos nosoutros, os bercianos, os que temos que denominar a nosa lingua, e non os políticos, filólogos ou inteletuais foráneos á nosa realidade cultural. Porque falamos o que nos peta e como nos dá a gana.
Finalmente sentenciamos que as grandes linguas teñen evolucionado sempre. Un exemplo, Miguel de Cervantes podería entender o idioma español de hoxe? Apostamos a que non. Resulta igual o inglés de Inglaterra que o da India? Cantas diferenzas hai entre o castelao de Castela e o español de Hispanoamérica?. Estas grandes linguas están normativizadas e normalizadas coa axuda dos grandes poderes políticos, económicos e culturais que procuran acadar as unificaciois actuais. Sen embargo o galego do Bierzo é criticado por pretender vincallos lingüísticos con Galicia e Portugal, cos cales compartimos idioma histórico común. Todo é válido para dividir as minorías lingüísticas que son cualificadas de perigosas para as maiorías culturais.
O Bierzo, xaneiro de 2025