Por mor dos documentos contidos nos tumbos dos mosteiros bercianos (Carracedo, Cruniego, Espiñareda e Montes) sabemos da existencia da nosa lingua galega. Os acontecementos políticos de finais da Idade Media influiron nas relaciois lingüísticas. Referímonos á derrota militar do conde de Lemos que señoreaba esta rexión, e o posterior control por parte da Coroa cos chamados Reis Católicos. Este novo poder político supuxo a progresiva castelanización. Aínda así o idioma galego seguíu presente na fala popular, a toponimia, a literatura oral, etc. Xa no século XVIII, grazas ao erudito frei Martín Sarmiento, os seus estudos filolóxicos determinaron os vencellos do galego co idioma portugués.
A CONCEPTUALIZACIÓN LINGÜÍSTICA.
Hoxe hai un maior acordo sobre o que falamos no Bierzo, o idioma galego. Atrás restan os debates sobre a definición lingüística. Recordemos cando algúns dicían falar o chapurreao. Esta especie de mestura lingüística que non define nada. Por certo, concepto que tamén utilizan en Aragón para referirse á súa problemática lingüística (aragonés, catalán…). Ben, para outros hai diversas falas (ancarés, fornelo, pachuezo, torenes…) inconcretos localismos, entre galego e leonés, supoñemos.
Algúns escritores bercianos apuntaron a expresión dialecto berciano. Son os casos de Antonio Fernández y Morales (século XIX) ou o filólogo Francisco González González. O primeiro dicía que entre o galego e o berciano había semellanzas e diferenzas, “entre el gallego i su dialecto berciano, hai diferencias mui marcadas”. Tamén indica que “las particularidades que separan el Berciano de los dialectos i subdialectos gallegos hermanos suyos”. Deixa, pois, claro que hai demasiadas vinculaciois entre o galego e o seu berciano.
Polo que toca a Francisco González, establece as zonas de influenza entre as linguas galego e leonesa. Do encontro territorial entre ámbalas dúas fixa o seu dialecto berciano. Por suposto, non hai neste dialecto unidade lingüística porque hai dous idiomas veciños en contacto estreito, segundo el. Desde posturas leonesistas, políticas e culturais, xorde a expresión dialecto galegoleonés. Por suposto, ningún investigador serio defende a existencia destes supostos dialecto berciano ou galegoleonés.
O catedrático Francisco Fernández Rei estableceu bloques lingüístico para o galego do Noroeste peninsular. No bloque oriental xorde a área central, que abrangue: O Courel, O Bierzo, Ancares e Cervantes. Pola súa banda, a filóloga Ana Seco Orosa fixou as chamadas líneas isoglosas lingüísticas do galego na nosa rexión berciana. Chegados a este punto a maioría da poboación xa non discute a existencia do galego, sendo a mesma lingua que falan en Galicia.
A CONCRECIÓN LINGÜÍSTICA.
Temos visto algo do dialectismo galego máis enriba. Para algúns a existencia do dialectismo casa mal coa necesaria normativización lingüística. O dialectismo ten unha orixe histórica, propia da evolución das linguas (desde a Idada Media até a actualidade). Ademais existe a cuestión da territorialidade. Hai diferenzas lingüísticas entre vales e comarcas no galego do noroeste peninsular. Velaí a existencia de diferenzas léxicas cando damos nomes ás plantas ou mailos animais. Algo totalmente normal entre falantes tan alonxados.
Para evitar problemas de comunicación entre falantes dunha mesma lingua, casos de vigueses, monfortinos e bercianos por exemplo, necesitamos normativizar o idioma común. Houbo que crear un diccionario e unha gramática para todos. Os filólogos tiveron que fundamentar o léxico, as regras gramaticais, a fonética ou a morfosintaxe do idioma galego. Cando usamos termos xurídicos, médicos, técnicos, dixitais, etc. necesitamos precisión terminolóxica para a boa comprensión verbal e escrita, e evitar erros interpretativos. Velaí o fundamento da existencia da normativa galega.
Por certo, as normativas lingüísticas poden e deben evolucionar como o ten feito o diccionario da Real Academia Española (RAE) ao longo dos séculos, desde o XVIII. A Real Academia Galega (RAG) fixo reformas que achegan cara ao idioma portugués. Ben vistas pola maioría porque son linguas irmás con grande vinculación histórica e na actualidade.
A normalización lingüística procura a galeguización nos distintos eidos sociolingüísticos. Referímonos ao ensino, administración, xustiza, sanidade, dixitalización, etc. Cando hai dous idiomas en contacto (castelán e galego) tenden a cumprir funciois diferentes (diglosia). A lóxica procura que ámbalas dúas linguas teñan iguais funciois. Por iso hai que normalizar os ámbitos lingüísticos para o idioma menos empregado ou minorizado polas políticas públicas, caso do galego.
Non se pode recuperar unha lingua minorizada sen axuda, por medio dos ditos procesos de normativización e normalización. O máis importante é dar á lingua en situación de inferioridade novas funcionalidades. O galego secularmente estivo restrinxido ao mundo rural, agrogandeiro, que determinou o seu dialectismo territorial. Agora tratamos de ofrecer ao galego novas funcionalidades (técnicas, dixitais, internacionais, etc). Cada vez vese máis nas redes sociais a presenza do galego. No Bierzo medra a demanda deste idioma nos centros escolares. O seu alumnado quere estar ben preparado idiomáticamente, ante as universidades veciñas, as ofertas profesionais variadas, as viaxes ao estranxeiro, etc.
Non podemos rematar, sen dicir que o galego do Bierzo posibilita as comunicaciois en Galicia mais tamén en Portugal. Sabemos das diferenzas parciais entre o galego e o portugués (léxico, fonética ou gramaticais). Agora ben, non cabe dúbida que saber galego facilita a comunicación en Portugal. Co galego do Bierzo resulta máis doado moverse por Lisboa, Braga ou Porto. Ninguén pode negar que a reciclaxe lingüística, cara ao portugués, é máis doada para un berciano galegofalante que para un castelán de Valladolid. Deste xeito, o idioma galego convértese en idioma internacional co portugués. Máis funcionalidade imposible!.
O Bierzo, setembro de 2023
DICHOSO “IDIOMA ” , que hablemos todos el CASTELLANO O ESPAÑOL , y dejemos de ser “PUEBLERINOS” y toda España e Hispano america hablen igual. Hace años se queria crear un idioma para TODO EL MUNDO ( EL ESPERANTO ) y ahora estamos dando para atras aldeanizandonos
Sospecho que es usted el “pueblerino”. Si quiere dejar de serlo, no se preocupe tanto de hablar castellano como de aprender inglés, que es la lingua franca de nuestro tiempo.
Yo no sé qué tiene que ver el Bierzo con Galicia, no sé porque la gente se empeña en mal hablar gallego por estas tierras.
El faladoiro este se le ve el plumeiro, ni es gallego ,ni leones ,ni berciano ni na a saber,este como todo patulea de nuevo signo , el signo trajo muchos muertos ,y todavía seguimos dándole a la.fragua pa convencer no se que .Bueno trapazoiro vete con tu fala ,que no idioma , a parlar a galicia, y déjate de marear la perdiz con el.idioma.En único idioma es el Español o Castellano lo demás chapurreos del latín, ,osease formas de parlar por los montes.
“Más funcionalidade” en mi caso sería hablar inglés bien.
O mais importante nun pais non e o idioma no que se fala senon o desenrolo social da sociedade e o pobo español e a liberdade de falar sen exclusions como vemos que esta pasando en moitas partes de España.
De forma constante vemos en Galiza e outras partes de España articulistas que queren vivir ¨de¨ ou gañar cartos estabelecendo diferenzas ou rencores en España.
Concordo co artigo de Javier Lago Mestre. Polo demáis, aquelas persoas que ven falar o galego como algo “pueblerino”, ou coma algo que separa, etc., cómpre dicirlles que valoren o idioma que históricamente se falou e fala na súa terra porque saberán quenes son e de onde veñen, alén diso, o saber non ocupa lugar, só a ignorancia despreza o coñecemento.