Un ano máis celebramos para o 9 de marzo o Día do galego no Bierzo. Tal data representa o nacemento, en 1695, de frei Martín Sarmiento en Vilafranca. Este erudito berciano escribiu muito de diversos saberes, salientanto en ensino e filoloxía do galego. Neste senso defendeu a dignidade deste idioma en paridade co castelán e o portugués. Por suposto, para os galegofantes do Bierzo representa un exemplo a seguir. Estamos seguros de que Sarmiento loubaría a luita de hoxe polo noso galego, porque estamos avanzando paseniño cara a nomalización deste idioma na rexión.
A data do Día do galego serve para facer unha reflexión da actualidade do noso idioma. Da recente reivindicación da tvgalega no Bierzo podemos salientar o orgullo coletivo pola defesa do galego. Por suposto, os televidentes podemos dividilos entre os que falan o galego, os que entenden esa lingua parcialmente, ademais dos neofalantes (por exemplo, os estudantes de galego e portugués). O galego é idioma romance moi semellante ao castelán, velaí a fácil comprensión das súas series, películas, concursos, noticiarios, etc.
A comunidade galegofalante do Bierzo representa unha minoría en Castela e León. Aínda así debe ser respeitada pola maioría castelán da provincia leonesa. A dita minoría cultural ten unha continuidade desde a Idade Media segundo a documentación en galego dos mosteiros bercianos. Mais non queremos mirar para o pasado, senón analizar o presente para afrontar un mellor futuro cultural.
Hai un grupo de falantes bercianos do medio rural que defenden a súa fala tradicional. Estes podemos denominalos coma dialetistas. Entre eles están os que se refiren ao seu chapurreao, dialeto berciano ou galegoleonés, falas de vales (fornelo, ancarés…). Este escesivo localismo céntrase no galego labrego, gandeiro, toponímico, oral… que amosa lóxicas especificidades lingüísticas. Velaí que atopen diferenzas léxicas ao ver a dita tvgalega. Neste grupo engadimos eses etnógrafos que non queren contaminar o puro galego rural con malas influenzas foráneas, propias da modernidade. O seu problema existe no seu excesivo localismo que empece entender a realidade lingüística do noroeste peninsular.
Dentro da comunidade galegofalante do Bierzo hai outro grupo que podemos chamar culturalista. Son os que destacan o protagonismo do galego a nivel cultural. Por iso o importante é editar libros (novelas, poesías, dicionarios…), ou facer actos culturais (celebrar o Día do galego, festexar Os maios…), fomentar o ensino nos colexios, convocar concursos escolares, etc. Este grupo cultural comentado rexeita as chamadas influenzas políticas porque cren que desprestixian a reivindicación. Agora ben, si están pola relación institucional cando precisan de cartos públicos para financiar as súas actividades culturais.
O terceiro grupo galeguista vén representado polos máis politizados. Estes conseguimos o recoñecemento expreso do galego no Estatuto de autonomía de Castela e León, e logo ousamos pedir a oficialidade deste idioma ante as Cortes xerais. Por suposto, este activismo político está mal visto pola maioría. Mais os politizados que comentamos apostamos polo recoñecemento de dereitos lingüísticos, os mesmos que teñen os cidadaos na Galiza. Por iso hai un claro interese por rachar cos artificiais lindeiros administrativos do Cebreiro que perduran no imaxinario político castelao.