Historias irmandiñas no Bierzo

De novo os irmandiños voltan a Ponferrada para recordar a revolta medieval contra o conde de Lemos. Máis aló das representaciois teatrais entre cabaleiros e vasalos polas rúas e castelo desta cidade, convén coñecer un pouco daquela historia recuperada que non é muita. A fines do século XV os vasalos foran asoballados polos seus señores. O sistema económico, xurídico, fiscal e eclesial favorecía a uns poucos privilexiados fronte á meirande parte da poboación subordinada. Velaí que xurdiran numerosas protestas antiseñoriais. A que hoxe tratamos é coñecida coma revolta irmandiña que se estendeu por todo o noroeste peninsular.

Os núcleos galegos da rebelión irmandiña tiveron continuidade na chamada Galicia estremeira. As comarcas periféricas participaron deste movemento levantisco. Foi o caso do ocidente de Asturias, segundo nos indica o historiador Vasco de Aponte, pois o capitán Pedro Osorio tivo apoio de fidalgos galegos e asturianos de Navia e Burón, zonas dependentes do bispado de Oviedo. Polo que se refiere ao sul, na comarca da Seabra está documentado que o IV conde de Benavente, Rodrigo Alfonso Pimentel, atacou aos irmandiños na localidade de Cobreros, o cal señor “mando poner fuego al lugar, y que todo se quemó y que quedaron perdidos” (Isabel Beceirro Pita).

MF

Sábese que unha coluna irmandiña, de Alonso de Lanzós, entrou desde Ourense en Valdeorras. Nesta comarca os vasalos atacaron dous castelos, o do Castro, xunta O Barco, era de Juana de Castro, señora de Valdeorras e Manzaneda. O outro castelo foi do Bolo, de Juan Pimentel, señor de Viana e O Bolo. Por certo, segundo preito de 1520, o dito señor impuxo pola forza a reconstrucción desta fortaleza (Isidro García Tato). Esta frente irmandiña ben puido entrar no Bierzo polo estreito de Covas e derrubar os castelos de Lusio, Pena Ramiro e Pena Vellosa na comarca da Cabreira Baixa, para continuar até a fortaleza de Cornatelo.

Outra coluna irmandiña de Pedro Osorio entrou polo porto do Cebreiro desde Lugo. O seu obxetivo foi atacar os castelos do conde de Lemos nesta zona, a saber, Serracin, Corullón, Vilafranca e Ponferrada, onde se escondera o fuxido conde de Lemos. Cando chegaron os milleiros de irmandiños tivo o perseguido conde que marchar para León. Das actividades militares no Bierzo sabemos de dous centros irmandiños, Ancares e Arganza. No primeiro os imandiños enfrontáronse ao poder señorial do mosteiro de Espiñareda, e no segundo o señor de Arganza foi morto polos seguidores do conde de Lemos.

De seguro que na rexión do Bierzo houbo máis apoios irmandiños dos que non temos documentado, porque a revolta defendia os seus intereses labregos e fidalgos. Pola contra, sabemos que o conde de Lemos marchou para Madrigal con xente de Vilafranca, Cacabelos e Ponferrada para conseguir apoio da Santa irmandade de Castela (marzo 1468). Por suposto, esta institución foránea casou ben cos intereses do conde porque só el podería recadar cartos para a irmandade castelá.

O CONDE SEÑOREABA O BIERZO.

O Bierzo medieval estaba controlado polo réxime señorial (laico, eclesial e monástico). A debilidad da Coroa de Castela favoreceu o medre dos señores. Velaí as concesiois reais hereditarias (condado de Lemos 1456, marquesado de Astorga 1465…). Mentres que os mosteiros recibiron numerosas exenciois fiscais e privilexios. Unha derivada das guerras de sucesión da Coroa foron as luitas entre os señores polos diñeiros e vasalos.

O poderoso conde de Lemos dominaba O Bierzo e quería subordinar ao resto de señores e vasallos, propios e alleos. Por iso guerreou co señor de Bembibre, co marqués de Astorga e o conde de Benavente que atacaba desde a súa encomenda dos Barrios de Salas. Tamén tivo de pactar cos inimigos, ao marqués de Astorga cedeu Chantada e Sarria (setembro 1467). Tampouco faltou a política matrimonial para establecer alianzas conxunturais, coma os casamentos entre os Lemos, Quiñones,  Astorga ou Benavente.

Máis doado foi dominar o outro poder monástico xa que non tiñan resistencia militar. Un texto indica que “conocio al dicho conde ser ombre muy poderoso e mandaba e señoreava toda esta provincia del Vierzo, e vido que para haser la fortaleza de la villa de Ponferrada traya los ombres de las abadyas, así como de San Pedro de Montes e de Santa Marya de Carrazedo e de Sant Andres de la Espinareda, e los trya para la dicha fortaleza e les mandaba como a sus vasallos”. Claro exemplo da subordinación monástica ao conde.

Nun preito señorial entre vasallos e maila abadía de Carracedo (1513), os primeiros alegaron que o conde de Lemos creou novos impostos agrarios, “quando las hermandades del Vierzo despues volvió, avya empuesto estos quartos e quintos en los lugares de la abadia y términos de Faveiro y campo de Naraya”. Curiosamente, a imposición dos ditos quintos por roturar novas terras tamén foi obxeto de preito en Castro Caldelas nun preito contra os condes (1523).

A derrota dos irmandiños pola poderosa nobreza favoreceu a reseñorización. Consecuencias desta nova xeira foi a forte represión (mortes, penas…), control parcial da xustiza, obriga de serventías para reconstruir os castelos atacados, imposición fiscal (quintos, tallas…), creación de localidades en lindeiros doutros señoríos (Fontes Novas e Campo xunta Ponferrada), confiscaciois, caso da terra de Arganza, etc.

O reforzamento da Coroa, cos chamados Reis católicos, foi a chave do cambio de época. A polémica herdanza do condado de Lemos e as desputas entre familiares permitiu a  intervención real. A arbitraxe neste conflito favoreceu á Coroa e os seus, caso dos condes de Benvente. De nada serviron os ataques militares do conde de Lemos (1485 e 1507) e preitos xudiciais por recuperar os seus territorios. A consecuencia da derrota militar dos Lemos foi a perda definitiva das posesiois bercianas. Isto foi así porque a Coroa xa tiña planificada unha nova organización para O Bierzo, redución territorial do condado, creación do marquesado de Vilafranca, formación da provincia do Bierzo, establecemento da nova capital reguenga en Ponferrada, ordenación da nova xustiza real (correximento, Adelantamiento…

Por todo o visto, os irmandiños abrangueron vasalos das comarcas máis estremeiras que tiveron unha clara vontade coletiva de resistencia antiseñorial. A derrota irmandiña favoreceu a reseñorización de fines da Idade media. O vitorioso novo poder real limitou parcialmente os abusos do poder señorial, aínda que a alta nobreza foi aliada da nova política real (administración, militarización, internacionalismo, etc.  As clases dependentes (vasalos, pecheros…) puideron recorrer ante a xustiza real, a cal lexitimou o réxime señorial que privilexiaba aos poderosos.

Por Xabier Lago Mestre.

2 comentarios en “Historias irmandiñas no Bierzo

  1. (Miyore dichu)
    …col sou dialeutu.
    Que hai que falare bien el llionés.
    El dialeutu gallegu que se fale dayures El Castro.

Los comentarios están cerrados.