Historias dos concellos bercianos

Os poderes señoriais da Idade media (Coroa, nobreza, mosteiros e bispados) fomentaron a repoboación e roturación das consideradas súas terras. Por iso concederon foros de poboamento ou agrarios, coletivos ou individuais, aos seus vasalos. A Coroa fixo repoboaciois en Ponferrada, Bembibre, Vilafranca, Villablino, Castro da Ventosa ou Frieira. Os mosteiros fixeron outro tanto, Santo André de Espiñaireda na localidade da Veiga, san Pedro de Montes no val de Valdoza e Cabreira, e Carracedo en lago Carucedo ou a Granxa de san Vicente, as cistercenses en Vilaboa, os franciscanos en Vilafranca, etc.

Por suposto, os señores medievais organizaron os seus territorios para unha mellor explotación económica e reforzar os vincallos vasaláticos. Por iso, fixaron diversos centros de recadación de rentas, execución da xustiza, recrutamentos militares, etc. Estes son os casos dos castelos da Veiga de Valcarce, Fresnedelo, Cornatelo (Ulver), Corullón, Lusio (Aguiar), pena Ramiro (Cabreira), O Castro (Valdeorras), Ponferrada ou Bembibre. Castelos que deron orixe a pequenos centros de poder, fiscais e comerciais, co paso do tempo.

Na Idade moderna, o réxime señorial continúa a súa existencia na provincia do Bierzo. Agora ben, hai unha forzada restruturación pois se crea o marquesado de Vilafranca, e Ponferrada pasa a ser vila comprada pola Coroa de Castela. Os grandes triunfadores son os Reis católicos e maila alianza señorial (condes de Benavente, señor de Bembibre…). Velaí que os poderosos incentivan súas capitais, as vilas do Sil, do Burbia e de Boeza. Tamén son reformados os grandes mosteiros bercianos para forzar o centralismo castelao, evitar a intromisión da nobreza na súa xestión e un mellor control económico que lles permite ser prestamistas. Incluso xorden novas abadías (pena de Congosto, san Miguel de las Dueñas, Anunciada de Vilafranca, san Agustín e Concepción de Ponferrada…

No século XIX teñen lugar as guerras antinapoleónicas e o posterior triunfo da nova política liberal que derroca o Antigo réxime. Velaí a supresión das vellas instituciois, os señoríos, as provincias, os reximentos locais, tribunais, etc. Os liberais crean unha organización municipal do Estado que sirva aos seus intereses políticos. O marquesado de Vilafranca divídese en novos concellos (A Veiga, Trabadelo, Valboa, Barxas, Sigueia, A Baña, A Ponte…). Outro tanto acontece co señorío do mosteiro de santo André de Espiñareda (A Veiga, Candín, Peranzaes, Fabeiro…). Os grandes concellos territoriais desaparecen en Villablino, Palacios e Páramo. Xa non existirán as meirindades (Valcarce, Cornatelo…), nin coutos (Barxas, Corraes…), nin préstamo de Tabladillo nin quinteiría de Montes. En fin, novos concellos liberais sometidos ao poder central (xefes políticos ou gobernadores civís), elixidos polo sistema censitario (segundo ingresos económicos), todo ao servizo do sistema de control político caciquil.

Coa chega do capitalismo industrial ao Bierzo, no século XX, xorden diversos centros mineiros. Recordamos Villablino, Bembibre, Toreno, Ponferrada, etc. Incluso noutros hai desputas coas antigas capitais. Caso Villablino coa antiga capital de Villager de Laciana. Tamén Torre do Bierzo reclama ser municipio ante Albares da Ribeira. Pola súa banda, San Miguel de las Dueñas demanda máis protagonismo fronte a Congosto, baseándose no seu potencial ferroviario e mineiro. Outro tanto acontece con Toural dos Vaos que consegue ser a capital ante Viladecaes, xa que a súa funcionalidade industrial e ferroviaria favorece o novo desenvolvemento urbano. O certo é que houbo un longo proceso administrativo previo que levou primeiro o centro burocrático a Parandoes, coma punto intermedio entre os dous contendentes.

Tralo desenvolvemento económico e urbano da España periférica, chegou a emigración, e o despoboamento do rural berciano. A isto hai que engadir a mecanización agraria, as repoboaciois arbóreas, ou as políticas de prezos dende centros capitalistas e bursátis mui lonxanos.  A consecuencia é que a meirande parte dos concellos rurais bercianos xa non poden prestar servizos axeitados aos seus viciños. Velaí a importancia do Consello comarcal coma institución territorial que ben podería complementar a prestación deses servizos públicos deficitarios (bombeiros, recollida de lixo, reciclaxe, etc). Sen embargo, a Junta de Castela e León incentiva aínda mancomunidades que compiten administrativamente co Consello comarcal.  Mancomunidades que amosan carencias de colaboación, Toreno e Páramo del Sil disolven a súa mancomunidade do Sil (2018), Vilafranca abandona a mancomunidade do Bierzo oeste e crea a outra do Burbia coa Veiga de Espiñareda (2002), etc. Mentres que a Deputación leonesa descentraliza no Consello comarcal o xustiño, sen ter en conta os criterios de eficacia, eficiencia e proximidade segundo a lealdade política debida. Para qué planificar outras políticas territoriais alternativas, mellor deixar que paseniño morran nosos concellos rurais no século XXI.

O Bierzo, febreiro de 2025

Por Xabier Lago Mestre.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.