Fin da provincia de Vilafranca do Bierzo

O Real Decreto de 1 de outubro de 1823 declarou “nulos y sin ningún valor ni efectos todos los actos del gobierno constitucional”. O rei Fernando VII derroga todo o traballo político do chamado Trienio liberal. Deste xeito, prodúcese o fin da provincia liberal de Vilafranca do Bierzo. Este acontecemento salientable merece un recordo e unha reflexión sobre o que supoñe para a memoria coletiva de hoxe. Referímonos a que aínda moitos bercianos asumen que a supresión da dita provincia tivo a súa orixe nas desputas, entre Vilafranca e Ponferrada, pola capitalidade. Mais a realidade histórica foi outra ben distinta que analizamos.

Convén recordar que o réxime político do Trienio liberal (1820-1823) se enfrontou ao absolutismo da Coroa. Esta conflitividade peninsular prodúxose en plena ocupación napoleónica, cando a guerra atacou as instituciois do chamado Antigo réxime (monarquía, señoríos, Igrexa, etc). Trala derrota militar francesa, as forzas burguesas defenderon o seu réxime liberal (constitucionalismo, democracia censitaria, reforma territorial, novas instituciois, etc). Sen embargo, as monarquías europeas organizáronse para defender o réxime absolutista. A súa reación militar foi a creación do exército dos Cen mil fillos de san Luis que invadiu España na primeira metade de 1823.

Os militares franceses avanzaron cara ao Bierzo ao mando do xeneral Bourke. O réxime liberal nomeou a Pablo Morille, conde de Cartaxena, como comandante do 4º exército (Galicia, Asturias e León). A presenza deste exército liberal na nosa rexión ocasionou numerosos problemas aos bercianos (aloxamientos, abastecementos, transportes, requisas, contribuciois, etc). Bourke ocupa León (en maio) e vai para o  Cerezal, onde inicia negociaciois co Pablo Morille. Este militar evita o enfrontamento militar e retírase a Lugo (26 de xuño). Nesta cidade emite unha proclama a prol do absolutismo, rexeitando a destitución do rei Fernando VII e criticando ao Goberno liberal provisorio. Posteriormente, Bourke chega a Lugo e Morille sométese (xullo). Agora ámbolos dous militares únense contra os focos liberais de Galicia, así o militar francés ataca Mondoñedo, Viveiro e Betanzos, mentras Morille ocupa Santiago, Pontevedra e Vigo.

A RESISTENCIA PROVINCIAL BERCIANA

A deputación de Villafranca pouco podería facer fronte ao poder dos xefes militares dos dous exércitos foráneos. No Bierzo a institución provincial tiña escaseza de medios personais, económicos e materiais. Quen si atuaron foron as partidas realistas que ocuparon as localidades bercianas. No caso de Vilafranca, os partidarios do conde realista Fideli destruiron a simboloxía liberal (queima de constituciois, romperon escudos e documentos, formaron voluntarios realistas, etc). Os liberais bercianos continuaron a loita dende as montañas, exemplos do xefe político provincial, Nicolás de Castro, ou o abade do Barco, que chegaron a recuperar temporalmente Ponferrada e Vilafranca.

A resistencia provincial berciana ante o absolutismo tiña os días contados pola súa inferioridade militar. As partidas bercianas estaban divididas entre absolutistas e liberais. Mais a presenza do exército absolutista decantou a vitoria do seu bando. O novo réxime absolutista derrogou a obra política liberal, coa supresión da provincia de Vilafranca. Velaí a recuperación das instituciois do Antiguo réxime, coma os antigos correxedores. Así se repoñe un novo oficial real en Ponferrada, ”corregidor, justicia mayor, capitán á guerra, subdelegado de todas las rentas reales (…) de la villa de Ponferrada, su jurisdicción y partido” (octubre de 1823). O correxemento ponferradino correspondía co antigo partido-provincia do Bierzo da Idade moderna.

Ante o triunfo de réxime absolutista, os rexedores ponferradinos procuran o abeiro real, “como capital en el partido del Vierzo, en el reino de León (…), se dirige sumiso al augusto trono de V.M. con el más ardiente entusiasmo al ver a su adorado Soberano con su cara esposa y Real familia”. Ademais aproveitase este escrito municipal para recordar a pérdida provincial, “avisándole tan enorme sentimiento la mudanza de su antigua capital a pueblo menos digno, decretada por los titulados Padres de la patria en la época de desorden” (Gaceta de Madrid, marzo de 1824). En varios documentos segue aparecendo a referencia á provincia berciana. Así acontece cando A Somoza reclama os seus privilexios ante a Coroa, “Sindico general de la Somoza de San Cosmed, de la provincia del Bierzo” (1825). Incluso o Diccionario de Sebastián Miñano, de 1826, refírese a “montañas de Asturias, y dividen la provincia del Bierzo, del reino de Galicia”.

A supresión da deputación de Villafranca non significou o fin das aspiraciois provinciais bercianas. Ao longo do século XIX, sempre que a conxuntura política española o permitiu, os bercianos reclamaron a descentralización na nosa rexión coa recuperación da provincia histórica. Por suposto, Vilafranca e Ponferrada comandaron as diversas iniciativas, ademais dos proxetos provinciais foráneos (Patricio de la Escosura, Fermín Caballero, Pascual Madoz, Lucas Mallada, etc), e con recoñecemento xeográfico específico (F. Fabre, R. Macias Picavea, Dantín Cereceda, etc. Por desgraza, outros debates territoriais potenciaronse (o rexionalismo periférico, federalismo, rexionalismo administrativo estatal, etc), deixando aparcada a reforma provincial até os nosos días.

O Bierzo, outubro de 2023.

 

2 comentarios en “Fin da provincia de Vilafranca do Bierzo

  1. Si hablamos de la defensa liberal del Bierzo, y ni siquiera nombramos al comandante Antonio Osorio (Comandante de los Tiradores del Bierzo) que murió en un enfrentamiento con los realistas defendiendo la Constitución y la libertad en el Bierzo. Paradela del Río, agosto de 1822
    A mi juicio y por la relevancia del personaje para el Bierzo.Todo lo que referido al Bierzo durante este periodo cojea un poco.

  2. Esto es una pequeña colaboración de dos folios en que no se puede comentar todo lo acontecido ni pequeños detalles como los que comentas. Queda claro que la política internacional y nacional influyeron en el fin de la provincia de Villafranca.Saludos.

Los comentarios están cerrados.