A identidade berciana a debate

No complexo mundo que nos toca vivir non hai nada máis problemático que debater sobre o tema das identidades. Cadaquén ten a súa, cultural, sexual, nacional, idiomática, etc. Os seres humanos necesitamos socializarnos en comunidades máis aló do individualismo consumista. Por iso atopamos diversas identidades, deportivas, políticas, culturais… Neste caso trataremos das identidades territoriais por mor do novo libro que vén de xurdir, trátase de “El Bierzo identidad propia”. O seu rechamante titular e o seu variado contido ben merece un comentario pola nosa parte.

Por suposto este libro trata diversidad de temas cun interese divulgador, sen profundizar en ningún deles. Xa se sabe que cando abangues muito deixas carencias. Non falta a controvertida historia do Bierzo para comezar. Un rápido percorrido que fala da provincia de Vilafranca do Bierzo mais deixa de lado a provincia do Bierzo do Antigo réxime. Mentres que a primeira existiu durante o Trienio liberal (1821-1823), a segunda tivo unha duración maior, desde 1486, en que a crean os Reis católicos, até a de Vilafranca. Semella lamentable que tan pouco signifique a provincia da Idade moderna para algúis escritores de hoxe. Por iso, o período moderno de tres séculos resulta ignorado no libro fronte a otros séculos posteriores.

Está claro que pervive a dinámica histórica de descoñecemento da primeira provincia, e iso que se publicou o libro “El Bierzo provincial” onde se analiza esta institución provincial ben polo miúdo. En fin onde andarían algúis para non enterarse de que xa celebramos o Bicentenario da provincia de Vilafranca (1821), onde xurdiron os estudos das dúas dítas provincias bercianas. Por certo, na bibliografía deste libro non consta a existencia do libro “El Bierzo provincial”, sería por falta de espazo físico!.

O libro dito “El Bierzo identidad propia” toca todos os temas posibles. Velaí as localidades singulares, os bercianos ilustres e outras personalidades, produtos de calidade, museos do Bierzo, acerbo mineiro, cascatas e miradoiros, fauna e flora, industria, información turística, etc. En sociedades representativas faltan os partidos políticos bercianos que representan a tantos cidadáns cos seus votos democráticos.

Por suposto a cultura popular non falta. Xurden as tradiciois populares (entroido, maios, matanza…), folclore (música, traxes…), literatura (contos, lendas, refraneiro…), xogos infantís, arquitectura rural, apeiros de labranza, gastronomía, etc. Eiquí temos de facer unha parada no capítulo titulado “Vocabulario, expresiones y refranes bercianos”. Non nos gusta que se refiran expresamente deste xeito, “Vocabulario propio y diferente según la zona, que contiene influencias diversas e intensas del asturleonés, el gallego y la aportación de los peregrinos del Camino de Santiago. Es llamado popularmente chapurreao o fala”.

Si seguen na rexión do Bierzo eses ventos e influencias lingüísticas inconcretas. Curioso, este libro está escrito en idioma castelao que non cita. Nomean o asturleonés e o galego que son meras influencias que non linguas concretas e definidas. Estamos ante a vella propaganda das mesturas idiomáticas que se converten en “chapurreao o fala”. Será que con esa presunta fala se forza polos autores a perseguida identidade berciana. Recoñecer que no Bierzo se fala galego dende a Idade media resulta perigoso para a mencionada teorización da identiade sociolóxica.

Outros entendemos a identidade berciana doutro xeito na pluralidade. Recompilar nun rápido vocabulario sobre 90 palabras da presunta fala berciana non é grande cousa. Verbas antigas do medio rural que non teñen vida senón dentro dos seus idiomas tradicionais.  Así non se dignifica o galego do Bierzo que temos dende o medievo. O galego dos tombos monásticos resulta ignorado por muitos. A nosa toponimia, hidronimia, antroponimia, etc están ben presentes aínda. A literatura oral en galego resiste. O ensino do galego nos centros escolares segue a medrar. A audiencia da tvgal non é tan escasa. Na internet tamén circula o galego berciano. Mais para algúis a lingua galega é de Galicia e mera influencia histórica no Bierzo. Por iso non forma parte de pretenciosa identidade do Bierzo que outros ousan defender.

En 1989 editáronse uns relatorios sobre o Primeiro Congreso de Cultura berciana. Daquela nos seus textos podemos ler “¿A qué finalidad práctica pueden conducir (fuera del estudio filológico) unas resurrecciones lingüísticas, sea por el norte, sea por el oeste, que serían puro artificio y no una realidad anhelada por nadie ni utilizable con ventaja” (Ramón Carnicer). Respostamos a este escritor que por forte vontade coletiva muitos bercianos recuperamos o galego, coa vantaxe de podermos actualizar nosa lingua tradicional no século XXI. O escritor vilafranquino tamén falaba de “y no los estrechos y alicortos localismos ni las querellas o afectos más o menos súditos y ocasionales con los vecinos de un lado o de otro, deberá orientarnos hacia la universidad”. Recordamos que co galego do Bierzo podes comunicar mellor na Galicia e incluso en Portugal, Brasil… o que favorece o internacionalismo. Traemos eses textos a colación de que ainda hoxe, en 2025, alguis amosan os seus prexuízos contra a lingua galega do Bierzo por cuestiois de ignorancia, política, elitismo… que non recoñecen a realidade plural histórica da nosa rexión.

O Bierzo, febreiro de 2025.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.