33 años da comarca

O 14 de marzo celebramos os 33 anos da creación da Comarca do Bierzo. Este aniversario capicúa ben merece unha reflexión sobre esta longa andaina descentralizadora. O primeiro recordar que todo isto tivo unha orixe no proceso provincial histórico berciano que pervive na memoria cidadá, e que motivou as demandas popular e política coa chegada da democracia. Para uns a Comarca foi a forma de integrar O Bierzo periférico en Castela e León, os leonesistas cren que esta institución representa a estratexia foránea de dividir a provincia nos niveis político e territorial.

Hoxe a descentralización comarcal posibilita ter competencias varias. A promoción turística supón que O Bierzo sexa a Comarca máis coñecida no noroeste peninsular. En materia de emprego hai unha axencia de colocación. Nos servizos sociais atopamos a atención a drogodependentes. A proteción do medio ambiente axuda á mellor conservación dos nosos montes. O Consello comarcal apoia económicamente aos nosos equipos deportivos. Outros temas importantes son a proteción de menores, as políticas de igualdade, etc.

A Lei da Comarca refírese aos traspasos e delegacióis de competencias doutras administraciois. Pois ben, a Deputación de León delega o mínimo ao Consello comarcal, caso do servizo de asistencia a municipios, execución de pequenas obras pedáneas ou o banco de terras. Non se entende que a Deputación non ceda a materia de cultura no que se refire á proteción do idioma galego. Debe de ser que en León aman moito a nosa lingua porque xestionan os cartos da súa promoción. E qué dicir da Junta de Castela e León que só delega o xustiño depois de 33 anos.

A Comarca do Bierzo ten que executar servizos comarcalizados que todos temos moi presentes por pura lóxica. Agardamos os servizos de bombeiros, transporte interurbano, proteción consumidores, arquivo e museo comarcais, recollida e tratamento de residuos, ordenación do territorio e urbanismo, fomento da lingua galega, etc. Mais xa podemos supoñer que a Junta de Castela e León sempre poñerá atrancos a calquera nova cesión de competencias ao Consello comarcal. Ninguén pode entender a estratexia da dita Junta de que aínda existan mancomunidades rurais e O Bierzo teña sido declarado mancomunidade de interese xeral. Que desfeita administrativa!

Un exemplo das dificultades para avanzar na descentralización no Consello comarcal foi a reforma da Lei da Comarca en 2010. Aquel proceso lexislativo pasou da vontade berciana sen debate popular participativo. Por iso hoxe lemos o articulado desa Lei rexional e vemos que non xorde a referencia á simboloxía comarcal (Día do Bierzo, bandeira, escudo, capital…), cunha mínima mención ao idioma galego, unha modesta financiación, etc. Faltan outras competencias coma a iniciativa lexislativa comarcal, as relaciois exteriores con Galicia, a eleción direta dos conselleiros, novas formas de participación cidadá, urbanismo, o dereito consuetudinario local, etc.

Digan o que digan os políticos, O Bierzo ten fundamentos de sobra para reclamar máis descentralización. A nivel territorial, estamos illados por montañas e  somos periféricos da chaira castelá. Polo tanto moi lonxanos dos centros de poder rexionais. Hai unha clara conciencia colectiva que se concreta no bercianismo popular, predominante fronte a outros rexionalismos veciños. Os dereitos históricos están presentes na existencia de dúas provincias (1486 e 1821) que condicionan as demandas descentralizadoras porque aquelas son guiadoras. Non nos podemos alonxar de Galicia xa que compartimos cultura e lingua seculares. Velaí a necesidade de institucionalizar as relaciois exteriores con Galicia. Non se debe protexer e fomentar o galego sen contar coas dinámicas lingüísticas veciñas (normativización, normalización, dixitalización, etc.

Algo bo terán as comarcas políticas, como ordenación territorial alternativa ás provincias, cando hai ese debate nas Comunidades autónomas. Catalunya e Aragón fixeron  as primeiras comarcalizaciois, e seguiron Navarra, Cantabria e Asturias. Galicia fixo outras comarcas administrativas comandadas por xestores e, tralo seu fracaso político, foron finalmente suprimidas. Recentemente Talavera de la Reina demandou tamén ser declarada comarca legal fronte ao centralismo rexional de Castela-A Mancha (decembro 2023). A Mesa por Talavera puxo o exemplo comarcal do Bierzo, salientando a nosa descentralización e identidade territorial.

As Comunidades autónomas de España tiveron que demandar durante décadas novas competencias ao Estado democrático. Todos ben sabemos da forte presión política que exerceron as nacionalidades e rexiois periféricas para conseguir as súas aspiraciois. A Comarca do Bierzo ten en contra unha lexislación estatal e autonómica que favorece as Comunidades autónomas e provincias fronte a outras instituciois teritoriais inferiores. A lexislación territorial uniforme de España baséase nunha ordenación provincial do ano 1833, sen debate democrático daquela e decidida por un tal Javier de Burgos. Agora estamos no ano 2024 e no Bierzo soportamos aínda aquel vello centralismo provincial. Entre Galicia e León hai un amplo espazo montañoso e poboación que debe ser obxeto de ordenación territorial alternativa e non continuar sometida ao centralismo de hoxe. Que Ponferrada supera en poboación a Zamora, Avila, Soria, Segovia e Teruel, e estamos condenados a ter menores servizos públicos por unha inxustiza histórica.

O Bierzo, marzo de 2024.